A xornada comezará coa chegada a media mañá das merendadas ao campo do festival -no lugar da Bóla, ao pé da ponte medieval da Ferraría- e cunha sesión vermú ao pé do toldo (o bochinche) coa música dos Meninos do pandeiro (Xan Pérez e Carlos Quintá).
Despois de xantar haberá xogos tradicionais para todas as idades, seguidos do obradoiro musical familiar de Montse Rivera e Mercedes Prieto, As Armadanzas, previo ao campionato de deportes rurais no que varios equipos -sempre mixtos- compiten por ser os mellores á chave, co tronzador ou tirando á corda.
O festival completarase á noite coas cantareiras de Algarabía, Os Carecos e Tiruleque. Toda a información pode consultarse en www.festivaldoriocastro.gal e nas redes sociais da entidade.