Sobre a web
Que é haifoliada.gal?
A axenda cultural da música e baile tradicional. Unha guía para saber onde hai foliada e poder ir bailar cando teñamos ganas.
Tamén hai información de concertos e outros eventos relevantes do mundo do baile e música tradicional. No futuro tamén haberá información de obradoiros, asociacións e as súas actividades e cursos onde poder aprender a bailar e tocar.
Como podo colaborar?
A mellor forma de colaborar é enviando información sobre unha foliada ou evento a través desta páxina ou por correo electrónico a ola@haifoliada.gal.
Tamén podes escribir a ola@haifoliada.gal para calquera consulta, dúbida ou suxestión, estarei encantado de recibir o teu correo e ver como podemos colaborar.
Quen está detrás da web?
Chámome Víctor, son aprendiz de foliadeiro e programador web. Comecei a ir a clases de baile tradicional a finais de 2021 e nunca souben ben onde poder ir bailar, ás veces porque a información me chegaba tarde e outras porque me daba reparo por ser un principiante.
Non hai ningún logotipo de institucións, empresas ou asociacións porque polo momento son só eu, todo o que ves fíxeno eu.
De onde sae o contido da web?
Polo momento é todo manual, principalmente collo información de redes sociais e outras webs. Con iso vou actualizando a web aos poucos.
Tamén espero que, pouco a pouco, a páxina para proporcionar información sobre unha foliada sexa unha fonte de información de primeira man por parte dos/das organizadores/as das propias foliadas... e calquera que queira colaborar en manter a web actualizada.
Por que unha web? Xa se podía estar máis ou menos informada a través das redes sociais.
Principalmente porque me apetecía, é un proxecto persoal e gústame a programación web e a comunicación en Internet. Tamén penso que pode resultar máis útil ter a información organizada nunha páxina sinxela de consulta rápida.
Ademais, dependendo da acollida que teña a web e do tempo do que dispoña gustaríame ampliar a información con listados de asociacións e as actividades que desenvolven, onde se pode ir aprender a bailar e tocar, obradoiros e outra información relevante relacionada co mundo tradi.