Algo moi grande vai acontecer en Vigo o vindeiro 9 de maio. Nesa data imos celebrar o 25º aniversario da OFG SonDeSeu reunindo no mesmo escenario a catro dos artistas que mellor representan a nosa cultura desde a perspectiva do diálogo entre a tradición e a modernidade: Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní.
Durante 25 anos construímos unha linguaxe propia, dignificando a música galega e proxectándoa alén das nosas fronteiras, para demostrar que a tradición non é un artefacto do pasado, senón un organismo vivo capaz de dialogar coa creación contemporánea sen perder a súa identidade.
Un elenco exclusivo nun concerto irrepetible. Catro traxectorias de primeiro nivel que converxen nun momento único: 25 anos máis tarde, seguimos a proclamar que a tradición non é a adoración das cinzas, senón a transmisión do lume.