sábado, 12 de abril
19:30 Xorima (30 min.) e Labrando músicas (24 min.).
Xorima é o reencontro dos integrantes do grupo de folk galego Xorima despois de 40 anos e o retrato da súa influencia na xénese do universo do folk galego actual.
Labrando músicas permítenos coñecer de preto o traballo dos artesáns da música tradicional aquí e agora.
domingo, 11 de maio
18:00 Dorothé na vila (87 min.).
A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia a finais dos 70 na procura dos cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país. Corenta anos despois, dúas mozas inician unha viaxe tralos pasos de Schubarth para atopar as voces que ela recolleu e descubrir as súas historias de vida. Dirixida por Olaia Tubío e Alejandro Gándara é un traxecto no que conviven a alegría de volver cantar e a frustración de chegar tarde para coñecer un mundo que desaparece.
sábado, 21 de xuño
19:30 Lévame a idea (100 min.).
O documental dirixido por tres mulleres: Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso trata temas tan fundamentais como a invisibilidade e infravaloración das músicas e cantares das mulleres desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo “que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais”.
Organizado por Castiñeiro Milenario.