16.30 Presentación no espazo expositivo da capela de Santa María (Lugo)
A cargo de ROSARIO ÁLVAREZ, presidenta do Consello da Cultura Galega; EFRÉN CASTRO, vicepresidente da Deputación de Lugo; LUCIANO PÉREZ DÍAZ e SUSO VAAMONDE MANTEIGA, comisarios da exposición.
16.45 Sesión de relatorios
» O INSTRUMENTO HOXE impartido por SUSO VAAMONDE MÉTODO E NOVAS TÉCNICAS DE INTERPRETACIÓN, USO E ENFOQUE DOS TOQUES TRADICIONAIS. Amosaranse os primeiros estudos acústicos do instrumento, que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia e presentarase o método “Nova técnica de pandeireta galega”.
» A TRANSMISIÓN DOS COÑECEMENTOS impartido por XOSÉ MACEDA ARQUETIPOS E TÉCNICAS CONSTRUTIVAS.
» A TRANSMISIÓN DOS COÑECEMENTOS impartido por MERCEDES AUTRÁN O CASO DAS PANDEIRETEIRAS DE ROIS. A ilusión inculcada a unhas nenas hai corenta anos por unhas avoas cantareiras e unha mestra implicada. Gravacións orixinais que serán doadas aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia.
19.00 Inauguración da exposición
Un aro de madeira, pel natural e algunhas ferreñas foron suficientes para conquistar un espazo no grande universo dos instrumentos musicais. A súa tipoloxía podémola rastrexar desde tempos inmemoriais en diferentes culturas. En Galicia, mantivo sempre a súa característica forma circular, e así aparece reflectida na obra dos principais artistas nas últimas décadas do século XIX e primeiros anos do XX, que buscan a aproximación á cultura popular a través da paisaxe, as persoas e os costumes. A pesar da súa sinxeleza, acadou altas cotas de popularidade como instrumento de acompañamento nas mans de recoñecidas cantareiras. Hoxe, seguindo aquelas pegadas, son os homes os que a están elevando a un novo espazo dentro das súas actividades artísticas, reinterpretando e creando novas músicas.
En liña coa celebración da poesía popular oral no ano que se lle dedica o Día das Letras Galegas, propoñémonos achegarlle ao público o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos do seu instrumento máis representativo, a pandeireta, unhas xornadas e unha exposición valiosas como recurso pedagóxico que fomentan e proxectan esta parte do patrimonio sonoro galego, contribuíndo, por outra parte, con documentos históricos e de nova creación aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, para que, ao igual que se fixera coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade.
A pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións. Con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente. Innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro. Neste equilibrio entre respecto polo ancestral e
apertura ao contemporáneo reside a verdadeira riqueza.
Cremos no poder das raíces.
Organizado polo Consello da Cultura Galega.