Xisco sinfónico

sábado, 21 de febreiro ás 20:00
Narón, A Coruña
Pazo da Cultura
Imaxe principal para Xisco sinfónico

20:00 Comezo.

Entradas dispoñibles en padroadodecultura.es desde 14 €.

Xisco Sinfónico é o novo proxecto do cantante de música tradicional Xisco Feijóo: unha creación contemporánea de raíz, na que a súa voz e a linguaxe da tradición dialogan cun orgánico sinfónico deseñado para esta ocasión. O repertorio inclúe música inédita composta especificamente para o proxecto e incorpora tamén temas de Peixe, adaptados a esta nova arquitectura sonora.

Nesta ocasión conflúen dous talentos galegos —Xisco Feijóo e Juan Eiras— nun mesmo espazo de escrita e interpretación. A orquestración de Eiras abre un corpo harmónico e tímbrico amplo, que remite ás sonoridades de estética neoclásica, proxectando o repertorio de tradición galega cara a un horizonte estético de alcance universal, sen borrar por iso a súa identidade de raíz.

O proxecto articula o encontro entre a terra — voz, gaita, acordeón e percusións tradicionais — e o universo sinfónico — orquestra de cordas —, non como capa decorativa, senón como diálogo estrutural e expresivo.

Xisco Sinfónico abre un territorio novo na escena galega, situando esta voz de tradición como referente de avance nun traballo desenvolvido da man dun dos compositores máis innovadores do panorama actual, Juan Eiras. A produción e orquestración orixinal, escrita especificamente para este formato, converte esta alianza de dous artistas galegos nunha proposta singular que expande o diálogo entre raíz e sinfonismo como campo de creación propia.
Compartir:

Artistas participantes

Xisco Feijoó

Xisco Feijoó é un cantante, premiado bailador, coreógrafo, presentador de televisión, mestre da ETRAD e coordinador da sección de canto da OFG SonDeSeu.

Próximas datas

Outras foliadas