VII Encontro tradición en feminino

23 de novembro de 2025, a esta xa non chegamos!
Betanzos, A Coruña
Aula municipal de cultura Xulio Cuns, Edificio Arquivo, praza de Galicia 1
Imaxe principal para VII Encontro tradición en feminino

10.30 Apertura da Xornada
10.45 Relatorio: Os nomes das pandeireteiras galegas: identidades e simbolismo na música tradicional. Noemi Basanta.
11.45 Relatorio: A (nova) Saia da Carolina: tradición, identidade e feminismo na música galego-portuguesa. Noa Insua Amigo.
12.45 Descanso
13.00 Presentación de publicacións
  • “O violín que trae o vento” – Adrián Méndez
  • “Dolores, A Cega de Miranda” – Ricardo Polín
14.00 Xantar
16.30 Concerto: “Lucía da Conceiçao Fernándes, A Cega do Covelo”. María López Carballo.

Adrián Méndez presentaranos o seu primeiro libro  “O violín que trae o vento” centrado na recuperación da memoria de Modesta Fernández López, a cega de Noceda, violinista da Fonsagrada; unha figura esquecida que merece ser recoñecida.

Adrián Méndez Fernández, estivo fondamente vencellado á música, á cultura popular e á memoria oral dende que naceu. ´´É músico -gaiteiro e zanfonista no grupo De Ninghures-, profesor de baile tradicional e investigador da cultura popular, campos que combina coa produción cultural e o ensino.

Leva anos traballando na divulgación e transmisión das nosas músicas e bailes tradicionais, tanto dende a aula como nos escenarios, festivais e obradoiros. Foi profesor de música en secundaria e de baile tradicional en diferentes vilas e centros culturais na provincia de Lugo, e imparte regularmente obradoiros e palestras sobre o patrimonio inmaterial galego.
A nivel académico, ten formación en Historia e Ciencias da Música pola Universidade de Oviedo e completou o máster de Profesorado. Tamén estudou na Universidade de Lisboa, onde profundizou no coñecemento da música tradicional dende unha perspectiva internacional. 
Na área cultural, formou parte de numerosos proxectos: desde arquivista e colaborador no APOI do Museo do Pobo Galego ata a produción en festivais como o TradFest, traballando tamén con artistas como Abraham Cupeiro ou Sheila Patricia e tamén en cine con directoras como Jaione Camborda (O Corno) e Sonia Méndez (As Neves). Dende 2015 coordina a Foliada da Fonsagrada, festival que naceu co obxectivo de revitalizar a cultura local da zona e que se converteu nun referente.

Ricardo Polín preséntanos o seu libro "Dolores, a Cega de Miranda", unha publicación na que o autor reivindica a figura desta muller "avanzada ao seu tempo", que a través das súas coplas, relatos e cantares, convertíuse nunha das grandes difusoras da música popular ao longo de prácticamente toda a provincia de Lugo.

Dolores, A Cega de Miranda (Castro Verde, 1879-Lugo, 1971) é a muller máis emblemática e a derradeira representante da antiga tradición do canto de cego galego. Violinista desde a crianza, zanfonista na última etapa da súa vida centenaria e cantareira repentista, sempre se acompañou de pandereteiros nas súas actuacións, sendo célebre en todas as feiras, ruadas e romarías do interior de Galiza. Algúns dos seus temas teñen sido adoptados por importantes grupos musicais do país e foi modelo para os grandes fotógrafos antropolóxicos do noso país, logrando que o seu retrato dese a volta ao mundo como modelo iconográfico deste xénero que ten as súas raíces na lírica xograresca medieval e nos músicos ambulantes. A súa estampa mitolóxica consagrouse ao falecer no cumio dun castro, como ela mesma tiña agoirado, sendo igualmente unha figura arquetípica nos seus modos de vida e un símbolo na loita pola supervivencia e a dignificación das mulleres artistas que teñen superado grandes discapacidades a través do seu talento.

Ricardo Polín é doutor en Filoloxía e historiador cunha densa obra como escritor e investigador en diversas áreas históricas, lingüísticas e literarias, labor polo que ten recibido numerosos galardóns. Cronista oficial da terra de orixe da Cega de Miranda, vén de publicar o primeiro estudo monográfico da traxectoria vital e artística da mesma (Dolores, A Cega de Miranda, na súa noite máis clara, Lugo, 2025), así como un completo documental audiovisual complementario (Morta nun castro e dona das feiras. A Cega de Miranda, derradeira xograresa, con montaxe de Luz María Durán), dentro dunha investigación máis ampla da historia da música popular nese ámbito xeográfico e cultural.

A participación nas mesmas será de balde, con entrada libre ata completar aforo.
Reservade a data!!! En breve publicaremos todos os detalles da programación!!

Información: 986.847.074 / 661.637.696 / secretaria@gaiteirosgalegos.gal

Organizado por Asociación de gaiteiros/as galegos/as.

Compartir:
Máis información: @agg.gal

Asociacións participantes

Asociación de gaiteiros/as galegos/as

Pontevedra

Asociación do baile e a música de tradición galega.
Próximas datas

Outras foliadas